Pagamento de Contribucións Especiais

O Concello poderá acordar a imposición e ordenación de Contribucións especiais, cumpridas as circunstancias que conforman o feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible das Contribucións especiais a obtención por unha persoa dun beneficio ou incremento de valor dos seus bens como consecuencia da realización das obras ou do establecemento ou ampliación de servizos municipais.

Procederá a imposición de Contribucións especiais pola mera realización de obras ou establecemento ou ampliación de servizos, independentemente da utilización dunhas e outros por parte da persoa beneficiaria.

A quen está dirixido

Estarán obrigadas ao pagamento das Contribucións especiais as persoas físicas e xurídicas e as Entidades a que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, especialmente beneficiadas pola realización de obras ou polo establecemento ou ampliación dos Servizos locais que orixinen a obriga de contribuír.

Considéranse persoas especialmente beneficiadas :

a) Nas Contribucións especiais por realización de obras ou establecemento ou ampliación de servizos que afecten a bens inmobles, os propietarios dos mesmos.

b) Nas Contribucións especiais por realización de obras ou establecemento ou ampliación de servizos a consecuencia de explotacións empresariais, as persoas ou entidades titulares destas.

c) Nas Contribucións especiais polo establecemento ou ampliacións dos Servizos de extinción de incendios, ademais dos propietarios de bens afectados, as compañías de seguros que desenvolvan a súa actividade no ramo, no termo deste Concello.

d) Nas Contribucións especiais por construcción de galerías subterráneas, as empresas subministradoras que deban utilizalas.

As Contribucións especiais recaerán directamente sobre as persoas naturais ou xurídicas que aparezan no Rexistro da propiedade como propietarios dos bens inmobles, ou no Rexistro Mercantil, ou na Matrícula do Imposto sobre actividades económicas como titulares das explotacións, ou negocios afectados polas obras ou servizos, na data de terminación daquelas ou na de comezo de prestación destes.

No caso de réxime de propiedade horizontal, a representación da Comunidade de Propietarios facilitará á Administración o nome dos copropietarios e o seu coeficiente de participación na Comunidade a fin de proceder ó xiro de cotas individuais. De non facerse así, entenderase aceptado que se xire unha única cota que distribuirá a propia Comunidade.

Como facelo

Presencialmente

A exacción de contribucións especiais precisará a previa adopción do acordo de imposición en cada caso concreto.

Unha vez adoptado o acordo concreto de ordenación de contribucións especiais, e determinadas as cotas a satisfacer, estas serán notificadas individualmente a cada persoa beneficiaria se esta ou o seu domicilio fosen coñecidos e, no seu defecto, por edictos. Os interesados poderán formular recurso de reposición ante o Concello que poderán versar sobre a procedencia das contribucións especiais, a porcentaxe do custo que deban satisfacer as persoas especialmente beneficiadas ou as cotas asignadas.

Nacemento da obriga de contribuir

A obriga de contribuír por contribucións especiais nace no momento en que as obras estean executadas ou o servizo comezase a prestarse. Se as obras fosen fraccionables, a obriga de contribuír para cada un dos contribuíntes nacerá no momento en que estivesen executadas as correspondentes a cada tramo ou fracción da obra.

A persoa beneficiaria obrigada ao pago de contribucións especiais determinarase no momento en que nace a obriga de contribuír, aínda que no expediente de imposición figure como contribuínte o que o fose na data do acordo de aprobación e aínda que tivese anticipado o pago de cotas. Cando a persoa que figura como persoa beneficiaria no acordo concreto de imposición e tendo sido notificada deste, transmita os dereitos sobre os bens ou explotacións que motivan a imposición no período comprendido entre a aprobación de dito acordo e o nacemento da obriga de contribuír, estará obrigada a dar conta á Administración da transmisión efectuada, dentro do prazo de un mes dende a data desta e, se non o fixese, dita Administración poderá dirixir a acción para o cobro, contra quen figuraba como persoa beneficiaria en dito expediente.

Unha vez finalizada a realización total ou parcial das obras, ou iniciada a prestación do servizo, procederase a sinalar as persoas beneficiarias, base e cotas individualizadas definitivas, xirando as liquidacións que procedan e compensando como entrega a conta os pagos anticipados que se tivesen efectuado.

Pago anticipado 

Sen prexuízo do disposto no apartado anterior, unha vez aprobado o acordo concreto de imposición e ordenación, o Concello poderá esixir pago anticipado das contribucións especiais, en función do importe do custo previsto para o ano seguinte. Non poderá esixirse o anticipo dunha nova nulidade sen que estivesen executadas as obras correspondentes ao anticipo esixido.

Se os pagos anticipados fosen efectuados por persoas que non teñen a condición de persoas beneficiarias na data do devengo do tributo, ou ben excedesen da cota individual definitiva que lles corresponda, o Concello practicará de oficio a pertinente devolución.

Observacións

O Concello ao tempo de aprobar o expediente administrativo acordará, así mesmo, o número de prazos e período voluntario de pago, nos que haberán de facerse efectivas as cotas, esixindo as impagadas pola vía de constrinximento, unha vez rematados os períodos voluntarios de cobranza.

Unha vez determinada a cota a satisfacer, o Concello poderá conceder, a solicitude do contribuínte, o aprazamento da mesma por un prazo máximo de cinco anos, debendo garantirse o pagamento segundo o establecido na Ordenanza fiscal xeral deste Concello.

Base Impoñible 

A base impoñible das Contribucións especiais determinarase en función do custo total presupostado das obras e dos servizos que establezan, amplíen ou melloren, sen que o importe das Contribucións poidan exceder, en ningún caso, do 90% do custo da obra que o Concello soporte, entendendo por tal a diferencia entre o custo total das obras ou servizos, e as subvencións que obteña do Estado ou de calquera outra persoa ou entidade pública ou privada.

O custo total presupostado das obras ou servizos terá carácter de mera previsión. Se o custo real fose maior ou menor que o previsto, tomarase aquel a efectos da cálculo das cotas correspondentes.

Nos acordos de imposición de Contribucións especiais, a Corporación determinará en cada caso a porcentaxe de custo que constitúa a base impoñible segundo a natureza da obra ou servizo a realizar, a ponderación de importancia relativa do interese público e dos intereses particulares que concorren e a capacidade económica dos afectados.

Normativa Municipal

Concello de Vigo (Servizo de Administración Electrónica)

Praza do Rei 1 - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100

Servizos da Sede Electrónica

Carpeta cidadá

Para ter acceso a este apartado necesita identificarse mediante usuario e clave de Carpeta Cidadá ou mediante Certificado electrónico (como o DNI electrónico).

Máis información