Poderán acollerse ao sistema especial de pagamentos aqueles suxeitos pasivos que reúnan os seguintes requisitos:
a) Non manter co Concello de Vigo débedas ou sancións tributarias en período executivo a data 31 de decembro do ano anterior ao da devindicación dos tributos fraccionados, salvo que se trate de débedas ou sancións tributarias que se encontren aprazadas, fraccionadas ou cuxa execución estivese suspendida.
b) Que a suma do importe total anual da cota tributaria en período voluntario de todos os tributos sinalados no apartado primeiro sexa superior a 200 euros. O devandito importe calcularase tomando como referencia os datos do exercicio anterior ao da aplicación do sistema, incluídos os beneficios fiscais que lle correspondan.
c) O pagamento de todas as cotas mensuais deberá realizarse mediante domiciliación bancaria nunha conta aberta nunha entidade de crédito da que o obrigado ao pagamento sexa titular.
d) Figurar como suxeito pasivo do I.B.I. ou do I.A.E.
Pode presentar no Rexistro do Concello, sen prexuízo de poder facelo en calquera outro rexistro habilitado pola normativa vixente, o impreso de solicitude, o cal estará a súa disposición na oficina de información do Concello e nesta páxina web. No suposto de que non empregue o modelo normalizado inadmitirase a súa solicitude.
O interesado deberá presentar a solicitude antes do 31 de decembro do exercicio anterior a aquel en que se produza a devindicación dos tributos fraccionados.
Cotas: De acordo cos datos que obran no seu poder, a Administración efectuará unha estimación do importe das cotas que o interesado debe pagar en cada fracción, sendo as 9 primeiras de igual importe, e determinándose a última pola diferenza entre a suma da cota anual a pagar correspondente a todos os recibos fraccionados, menos o importe das 9 primeiras cotas. Se da liquidación practicada para obter o importe da última cota resultase unha cantidade a favor do contribuínte, procederase á súa devolución de oficio, sen necesidade de que o interesado o solicite.
A solicitude de alta producirá os seus efectos por tempo indefinido, en tanto non sexa solicitada por escrito a baixa polo interesado, sexa rexeitada algunha das cotas pola entidade de crédito por calquera motivo, ou a Administración dispoña expresamente a súa invalidez por razóns xustificadas. Nestes casos, o sistema de pagamento pasará a ser o sistema normal, de acordo cos prazos sinalados no calendario do contribuínte.
Os interesados deberán comunicar expresamente ao servizo de Recadación Municipal calquera cambio dos datos contidos na solicitude inicial antes do 31 de decembro de cada exercicio, que producirá os seus efectos no exercicio inmediato seguinte.
Concello de Vigo
Praza do Rei 1 - Planta Baixa, 36202 Vigo
Teléfono: 986 810 275
Horario: Horario: De 9:00 a 13:30 horas.
Concello de Vigo
Servizo de Administración Electrónica
Praza do Rei 1 - 36202 - Vigo (Pontevedra)
Teléfono: 010 - 986810100
Para ter acceso a este apartado necesita identificarse mediante usuario e clave de Carpeta Cidadá ou mediante Certificado electrónico (como o DNI electrónico).