Escudo Concello de Vigo

Solicitude de Acceso ao Programa Xantar na Casa

O programa Xantar na Casa é un servizo de comida a domicilio que pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades das persoas para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de menús.

O seu obxectivo principal é mellorar o nivel de benestar e calidade de vida de persoas maiores e/ou dependentes e tamén das súas familias, manténdoas no seu contorno comunitario e atrasando ou evitando a institucionalización.

O programa pode, en ocasións, complementar ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que presta o Concello, para manter ao máximo a capacidade de independencia e autonomía das persoas coa permanencia nos seus propios fogares.

A quen está dirixido

Poderán ser beneficiarios do Xantar na casa as persoas empadroadas no Concello de Vigo e que cumpran os seguintes requisitos:

1. Persoas maiores de 60 anos que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal e sen rede de apoio que puidera suplir tal situación.

2. Persoas dependentes, que carezan de apoio familiar, e que requiren de axuda para a preparación de alimentos.

3. Persoas menores de 60 anos e maiores de 18 en situación de exclusión social, tecnicamente avaliada polos servizos sociais do Concello e sempre que se estea intervindo desde outro programa para resolver a súa situación de exclusión.

Como facelo

Por Internet

Enviando a solicitude e documentación requirida ao Rexistro Xeral do Concello a través da carpeta cidadá.




Presencialmente

Presentando o impreso de solicitude e demais documentación requirida no Rexistro Xeral do Concello.

Ou ben solicitando cita previa na zona de atención social (UTS) que lle corresponda por domicilio e presentando a solicitude e documentación requiridas.

Direccións e Teléfonos das UTS

Prazos

Durante todo o ano.

Documentación requirida

  • Fotocopia da Tarxeta Sanitaria
  • Fotocopia do certificado de discapacidade (de ser o caso.)
  • Certificado de valoración de dependencia (Se é o caso.)
  • Fotocopia do DNI
    Ou documento acreditativo da súa personalidade.
  • Xustificante de ingresos económicos
    Deberá achegarse:
    a) Certificado de pensión/s mensual/ais (viuvez, orfandade, non contributiva, ...) ou calquera outros ingresos (nómina, paro, ...) correspondentes ao ano no que se formula a solicitude.
    b) Fotocopia da declaración do IRPF do último ano ou, no seu defecto, certificado negativo.
    Teranse en conta os ingresos mensuais netos do solicitante.
    Cando o solicitante teña cónxuxe ou parella de feito, as rendas de ámbolos dous terán consideración de rendas computables entendéndose neste caso por renda persoal a metade da suma dos ingresos de ámbolos dous membros da parella.

Observacións

As persoas beneficiarias do programa reciben no seu domicilio, de cada vez, sete bandexas diferentes co xantar para cada día da semana.

Cada menú inclúe primeiro prato, segundo prato e sobremesa. Son completos e equilibrados, variados e adaptables ás necesidades das persoas usuarias, aos seus gustos e hábitos así como á gastronomía local e á época do ano.

A persoa beneficiaria recibe unha guía práctica para a preparación dos alimentos e outra coas prácticas correctas de hixiene e manipulación dos alimentos.

Pagamento:

O prezo de cada menú diario será o establecido nas bases do programa.

As persoas beneficiarias aboarán directamente á empresa contratista, por adiantado, o importe de cada mensualidade nos dez primeiros días de cada mes.

A empresa adxudicataria emitirá factura mensual para cada beneficiario do servizo pola cantidade correspondente.

Lexislación relacionada

Trámites relacionados

Concello de Vigo

Servizo de Administración Electrónica

Praza do Rei 1 - 36202 - Vigo (Pontevedra)

Teléfono: 010 - 986810100

Ministerio AAPP

Para ter acceso a este apartado necesita identificarse mediante usuario e clave de Carpeta Cidadá ou mediante Certificado electrónico (como o DNI electrónico).

Máis información