Solicitude de Acceso ao Programa Xantar na Casa

O programa Xantar na Casa é un servizo de comida a domicilio que pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades das persoas para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de menús.

O seu obxectivo principal é mellorar o nivel de benestar e calidade de vida de persoas maiores e/ou dependentes e tamén das súas familias, manténdoas no seu contorno comunitario e atrasando ou evitando a institucionalización.

O programa pode, en ocasións, complementar ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que presta o Concello, para manter ao máximo a capacidade de independencia e autonomía das persoas coa permanencia nos seus propios fogares.

A quen está dirixido

Poderán ser beneficiarios do Xantar na casa as persoas empadroadas no Concello de Vigo e que cumpran os seguintes requisitos:

1. Persoas maiores de 60 anos que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal e sen rede de apoio que puidera suplir tal situación.

2. Persoas dependentes, que carezan de apoio familiar, e que requiren de axuda para a preparación de alimentos.

3. Persoas menores de 60 anos e maiores de 18 en situación de exclusión social, tecnicamente avaliada polos servizos sociais do Concello e sempre que se estea intervindo desde outro programa para resolver a súa situación de exclusión.

Como facelo

Por Internet

Enviando a solicitude e documentación requirida ao Rexistro Xeral do Concello a través da carpeta cidadá.




Presencialmente

As persoas solicitantes das axudas presentarán as súas solicitudes e demais documentación requirida no Rexistro Xeral do Concello ou por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas (LPACAP).

Prazos

Durante todo o ano.

Documentación requirida

  • Documentación a presentar polas persoas da unidade familiar, se non autorizan ao Concello de Vigo para obter doutras organismos públicos e privados a información necesaria para tramitar a solicitude:
    • Fotocopia do DNI, NIE ou pasaporte en vigor do solicitante
      e do/a beneficiario/a no seu caso
    • Certificado do recoñecemento do grao de discapacidade
    • Certificación ou Declaración do IRPF
      do último exercicio ou, de ser o caso, certificado negativo do IRPF do solicitante e do/a beneficiario/a
    • Certificado de prestacións públicas do solicitante e do/a beneficiario/a
      De ser o caso, certificado de pensións da Seguridade Social, ISFAS, subsidio de desemprego, RISGA ou de calquera outra prestación pública do solicitante e do/a beneficiario/a. No caso de que a persoa solicitante tivera cónxuxe ou parella de feito, entenderase como renda persoal, a metade da suma dos ingresos de ambos os membros da parella.

Observacións

As persoas beneficiarias do programa reciben no seu domicilio, de cada vez, sete bandexas diferentes co xantar para cada día da semana.

Cada menú inclúe primeiro prato, segundo prato e sobremesa. Son completos e equilibrados, variados e adaptables ás necesidades das persoas usuarias, aos seus gustos e hábitos así como á gastronomía local e á época do ano.

A persoa beneficiaria recibe unha guía práctica para a preparación dos alimentos e outra coas prácticas correctas de hixiene e manipulación dos alimentos.

Pagamento:

O prezo de cada menú diario será o establecido nas bases do programa.

As persoas beneficiarias aboarán directamente á empresa contratista, por adiantado, o importe de cada mensualidade nos dez primeiros días de cada mes.

A empresa adxudicataria emitirá factura mensual para cada beneficiario do servizo pola cantidade correspondente.

Lexislación relacionada

Trámites relacionados

Concello de Vigo (Servizo de Administración Electrónica)

Praza do Rei 1 - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100

Servizos da Sede Electrónica

Carpeta cidadá

Para ter acceso a este apartado necesita identificarse mediante usuario e clave de Carpeta Cidadá ou mediante Certificado electrónico (como o DNI electrónico).

Máis información